Unha chamada anónima desvela o paradoiro da pluma da Monxa do Penedo
Por Redacción
Unha chamada anónima alertou este mércores ás 13:36 horas do paradoiro da pluma subtraída á estatua de "A Monxa do Penedo" inaugurada o pasado sábado día 6 do presente mes de xuño.
A pluma "desaparecera" durante a noite do 6 ao 7 de xuño e ata o momento descoñecíase o seu paradoiro.
Segundo informan dende o Concello, a chamada anunciaba a súa situación na caixa de correo da Casa Reitoral de Cuntis.
O Concello, propietario do monumento, informou a Garda Civil da súa aparición así como do número de teléfono do que procedía a chamada que supostamente puido ser realizada dende un teléfono público da veciña localidade da Estrada.
Investígase a autoría da devandita chamada a través de imaxes procedentes das cámaras de seguridade dos locais comerciais da zona.
O valor da pluma ascende a 600 euros, polo que se imputaría dun delito de furto.