O sol regresa ás Rías Baixas co inicio da semana
Por Redacción
Despois de dúas xornadas marcadas pola inestabilidade, coincidindo coa fin de semana, o sol regresará ás Rías Baixas no inicio da semana.
Segundo a MeteoGalicia, o luns arrancará con "ceos con nubes e claros" e apenas risco de chuvia, situación que irá mellorando coas horas dando paso a un período de estabilidade anticiclónica.
De feito "as xornadas de xoves, venres e sábado virán caracterizadas pola situación anticiclónica e a presenza de aire cálido en superficie", explica o servizo autonómico de predición meteorolóxica, o que fará que predomine o sol e a calor.
En canto ás temperaturas, a semana comezará sen cambio na mínima e ascenso na máxima prevista, que roldará 25 graos, unhas cifras que se verán aumentadas ata rozar os 30 graos na segunda metade da semana.
Non obstante, aínda que é pronto para unha predición exacta, MeteoGalicia avisa que o a partir do próximo domingo "comezaremos a ver algúns síntomas de inestabilidade" que poderían dar lugar a chuvascos de carácter tormentoso e descensos de temperatura".