Retiran das proximidades da illa de Ons case 700 quilos de cable de telefonía submarina moi antigo
Por Redacción
Dúas toneladas de residuos do fondo do mar é o balance que botan as catro xornadas de "pesca" de lixo realizadas dentro dunha experiencia piloto desenvolvida polo proxecto Pescal (Pesca Sostible en Caladoiros Limpos), no que colabora a Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra así como a Asociación de Armadores.
O pesqueiro de Marín "Atardecer", agora denominado "Ría de Marín" foi a embarcación elixida para realizar esta experiencia que consistiu en saír durante catro xornadas do mes de xuño exclusivamente a recoller residuos dos fondos mariños. Para iso contaba cuns aparellos expresamente deseñados para o efecto pola tamén empresa marinense Tecnopesca.
Na última das xornadas de retirada de residuos realizada este venres, o saldo foi de 1.000 quilos de lixo, entre os que destacan case 700 quilos de cable de telefonía submarina moi antigo, restos de redes de enmalle, roupa de augas, tanza ou nailon de palangre, plásticos variados e desperdicios metálicos como botes de pintura e outros.
A zona na que se traballou nesta ocasión foi entre as illas de Ons e a zona ao norte de Sálvora.