O BNG pídelle á Xunta que impida que Aduanas suprima unha das embarcacións de Vilagarcía
Por Oskar Viéitez
O Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego (BNG), ven de presentar unha proposición non de lei, relativa ás medidas a tomar para evitar o desmantelamento do Servizo de Vixilancia Aduaneira en Galicia. A iniciativa recolle as denuncias do sindicato CIG quen advertiu que a Dirección Xeral de Aduanas de trasladar unha das embarcacións con base en Vilagarcía de Arousa ao Mediterráneo.
Ata o de agora o Servizo de Vixilancia Aduaneira conta con dúas embarcacións de alta velocidade con base en Vilagarcía, a Águila I e o Colimbo III, dotada cada unha delas con dúas tripulacións de 4 e 5 persoas. A CIG sinala que a intención é trasladar esta última para o Mediterráneo, "se esta pretensión se confirma a Ría de Arousa quedará aínda máis desprotexida de vixilancia na loita contra o narcotráfico", advirten.
Ademáis daríase a situación de haber persoal para dúas quendas e unha soa embarcación, que ademais vería enormemente reducida a súa capacidade de actuación ao non ter relevo nas operacións.
O Bloque Nacionalista Galego súmase á preocupación doutros colectivos polo "desmantelamento progresivo dos recursos humanos e materiais disponibles en Galicia para a loita contra o narcotráfico", xa que a eliminación desta embarcación súmase á eliminación doutra embarcación de alta velocidade con base en Vigo e outra de tamaño medio na Coruña, tamén trasladadas ao Mediterráneo, e á eliminación de medios aéreos como era o avión Casa 212, que tiña base en Santiago e o helicóptero Dauphiné con base en Vigo, que dispoñía de boas prestacións, como unha boa cámara de visión nocturna e autonomía suficiente para facer seguimento das embarcacións rápidas das redes de narcotráfico.
"Parece evidente que estamos diante dun desmantelamento do SVA en Galicia pola vía de redución de persoal e de medios materiais, o que sen dúbida vai facilitar a actuación das redes de narcotráfico no noso país", din os parlamentarios do Bloque.
Diante de todas as medidas expostas o Bloque Nacionalista Galego insta ao Goberno galego a que lle manifeste ao Goberno español a súa oposición ao traslado ao Mediterráneo dunha das lanchas do SVA con base en Vilagarcía.
Ademáis pide á Xunta que demande do Goberno do Estado o mantemento dos medios actuais cos que conta o Servizo de Vixilancia Aduaneira en Galicia e que cubra a totalidade das vacantes de persoal.