Falece un octoxenario que caeu ao río co seu tractor en Portas
Por Natalia Puga
Un home de 81 anos faleceu este luns nun accidente de tractor no termo municipal de Portas. Por motivos que se descoñece, se precipitou por un desnivel ao río e acabou falecendo.
O sinistro aconteceu sobre as 21.00 horas na parroquia de Briallos. O octoxenario traballaba co seu tractor en tarefas de labranza nun terreo cando caeu por un desnivel e foi parar ao río.
Ao lugar do sinistro desprazáronse efectivos da Garda Civil de Caldas de Reis e de Urxencias Médicas de Galicia 061, pero xa non puideron facer nada para salvar o condutor do tractor, tan só certificar a súa morte.
Á espera de que se lle practique a autopsia que confirme a causa da morte, as primeiras hipóteses manexadas no lugar dos feitos apuntan a que o home puido falecer afogado no río.