Constitúen a nova Xunta de Persoal do Concello sen acordo para a presidencia
Por Redacción
O Concello de Pontevedra conta cunha nova Xunta de Persoal. O máximo órgano de representación dos traballadores municipais quedou constituído nunha reunión celebrada este venres nas dependencias de Michelena 30.
Nela, tomaron posesión dos seus cargos de representación sindical as trece persoas que compoñerán esta Xunta de Persoal durante os próximos anos.
Son catro de Comisións Obreiras, que con 109 votos foi a lista máis votada; catro de Afumpo, un colectivo de funcionarios que se presentaba por primeira vez a estas eleccións e formado principalmente por persoal administrativo; tres de UGT e dous de CIG.
A reunión finalizou sen acordo por quen ostentará a presidencia desta Xunta de Persoal. Tanto CCOO coma Afumpo solicitaron a devandita responsabilidade. Os primeiros aseguran que lles corresponde como lista máis votada, pero consultarán cos seus respectivos sindicatos e volveranse reunir o próximo xoves.
Ademais, o edil de Personal, Vicente García Legísima, invitou á reunión aos voceiros municipais de PP, PSdeG-PSOE, Marea e Ciudadanos para que tivesen a oportunidade de presentarse ante os novos delegados de persoal do concello pontevedrés.