Pontevedra quere seguir dando de beber a quen pasa
Por Alejandro Espiño
'Pontevedra dá de beber a quen pasa'. Iso é así, polo menos, dende finais do século XIX. É a época na que chegaron á cidade, da man de Alejandro Rodríguez Sesmeros, as catro fontes de ferro fundido que decoran varias prazas do centro histórico. Todas elas presentaban, debido ao seu uso e ao paso do tempo, diversos problemas estéticos e de funcionamento, polo que o Concello ordenou a súa restauración.
As catro fontes, tres das cales foron realizadas na fundición viguesa de Sanjurjo Badía, encóntranse situadas nas prazas de Curros Enríquez e a Verdura, detrás do santuario da Peregrina e na avenida de Santa María. Esta última foi a que visitou este venres o concelleiro de Patrimonio Histórico, Luis Bará, xunto a representantes da empresa que está a realizar estes traballos, Toxos Outos, valorados en 12.600 euros.
Mercedes Cifuentes, directora desta restauración, explicou que "abrimos todas as fontes e reparamos o sistema de auga que estaba bastante deteriorado". Ademais destes traballos de fontanaría, estanse a realizar actuacións para facelas "funcionais e utilizables", substituíndo pezas que estaban rotas ou que desapareceran por actos vandálicos ou roubos varios e se limparon todos os desaugadoiros.
Nelas, haberá un evidente cambio estético. Os interruptores de auga deixarán de ser linguas como ata agora, unha "innovación recente", sinalou Bará, cuxo mecanismo xeraba numerosos problemas. Substituíronse por billas con interruptores e manómetros que reducirán a presión de auga e evitarán salpicaduras ao accionalos. Aplicarase tamén un tratamento antióxido ao ferro das fontes que estaba "bastante machacado".
Outra modificación que chamou a atención dos pontevedreses é a cor das fontes, que abandonarán o verde que lucían ata agora. Luis Bará explicou que, tras consultar a información histórica que se conserva sobre estas fontes, se optou por un aspecto similar ao orixinal, próximo á cor do bronce antigo.
Todas elas, recordaron o edil nacionalista, son fontes de "gran valor histórico" porque representan a incorporación de Pontevedra á modernidade que comezaba a impregnar a vida a finais do século XIX. Chegaron xunto coa incorporación da cidade ao sistema de traída de augas e foron, dende o primeiro momento, moi ben aceptadas pola cidadanía da época. A orixinal custou 3.030 pesetas da época e as súas tres réplicas, 1.795 pesetas.
O que segue sen desvelarse é o enigma que rodea unha suposta quinta fonte. As facturas que se conservan no Arquivo Municipal reflicten que Pontevedra pagou por cinco pezas, pero só se instalaron catro. Ninguén parece saber que pasou coa que falta.