Recuperan o kart de aluguer que se levaran sen pagar
Por Oskar Viéitez
O perfil de Facebook da empresa Rodas Galicia informa que xa foi recuperado o kart a pedais despois do roubo que sufriron o pasado sábado pola tarde por parte dun cliente.
Segundo a responsable desta tenda de aluguer de vehículos a pedais, situada na Praza de España, no antigo local da tenda de pesca Maquieira, "un rapaz alugoume este kart e non mo devolveu". Tratábase dun mozo duns 20 anos, alto, moreno e delgado.
A propietaria deste negocio, Inés Méndez explica que "todos os datos que me deu eran falsos".
Despois de presentar a oportuna denuncia ante a Policía dende Rodas Galicia tiñan solicitado a colaboración cidadá para recuperar este kart, "se alguén o ve fóra de Pontevedra por favor avisádenos a nós ou á Policia Local ou Nacional".
Algunhas persoas puxéronse en contacto cos responsables de Rodas Galicia asegurando que o ladrón é un rapaz de Campo Lameiro. Finalmente o vehículo a pedais foi recuperado.