Un pontevedrés condenado a ano e medio de cárcere tras recoñecer que baleirou as contas da súa anciá madrasta
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Cun acordo de conformidade resolveu a Sección Cuarta da Audiencia de Pontevedra o xuízo contra Ángel L.D., un veciño de Pontevedra que aceptou unha condena de ano e medio de cárcere tras recoñecer que baleirou as contas de Isabel A., a súa anciá madrasta. O fiscal acusábao de apropiarse de 5.800 euros, se ben solicitaba o sobresemento con respecto a outros 22.050 euros.
Pero finalmente, en virtude do acordo e tras recoñecer os feitos polos que estaba acusado, só devolverá á súa madrasta a cantidade de 4.000 euros, rebaixando a Fiscalía a súa petición inicial de condena que era de dous anos e medio por un delito continuado de apropiación indebida.
Segundo os feitos, que agora se declaran probados, en xaneiro do ano 2009, tras enviuvar, a octoxenaria pontevedresa foise a vivir co fillo do seu defunto marido coa intención de que este se ocupase das súas necesidades e para iso habilitouno para que tivese acceso ás súas contas bancarias.
Non obstante, finalizada a convivencia, o acusado "guiado por un afán de obter un beneficio patrimonial ilícito", seguiu realizando transferencias non autorizadas pola vítima", en concreto, pola cantidade total de 5.800 euros en diferentes movementos realizados ao longo dun ano e medio.
A sentenza é firme e contra ela non cabe recurso.