A roza de todo o rural pontevedrés, a partir do próximo luns
Por Alejandro Espiño
A partir do próximo luns 29 de xuño comezarán os traballos de roza e limpeza que, anualmente, se realizan nas principais vías das quince parroquias do rural e en todos os accesos á cidade dende cada unha delas.
Segundo o concelleiro responsable da área, Demetrio Gómez Junquera, este plan ponse en marcha con dous obxectivos, mellorar a seguridade vial en camiños nos que "na súa práctica totalidade" convive o tráfico rodado e peonil e previr incendios forestais.
Os traballos, presupostados nuns 100.000 euros, iranse realizando conforme ás prioridades que se marcaron nos respectivos Consellos Parroquiais. As primeiras zonas nas que se actuará son aquelas que presentan "máis uso que todas ás demais". Trátase dun circuíto radial que permite o acceso a Pontentevedra a todos os habitantes das quince parroquias.
Trátase do vial entre Pedra do Lagarto e Marcón (PO-243), a rúa das Pereiras, a rúa do Camposanto, a subida a Montecelo e Príncipe Felipe, o ámbito de Santa Margarida e Valdecorvos e todas as entradas e accesos a Monte Porreiro.
A partir de aí actuarase nun total de 160 quilómetros de vías rurais. Irase rozando parroquia tras parroquia comezando por Bora e seguindo por Marcón, Tomeza, Lourizán, Mourente, Cerponzóns, Alba, Campañó, Lérez, Verducido, Santa María de Xeve e San Andrés de Xeve. Para o final quedarán Ponte Sampaio e A Canicouva "porque o ano pasado empezamos por elas", explicou Demetrio Gómez.
Serán dúas brigadas, formadas por un mínimo de dúas persoas e un tractor rozador, que irán traballando de forma simultánea, pero en diferentes parroquias. A segunda delas encargarase doutras vías pavimentadas que tamén se axeitarán. Esta última comezará por Mourente e cando a primeira remate en Bora e empece en Marcón, trasladarase a Bora para completar a roza deste equipo.
Os traballos prolongaranse durante todo o verán.
Ademais, o Concello de Pontevedra completará esta tarefa con brigadas municipais. No seu caso, encargaranse de actuacións "puntuais" e que servirán para limpar os "torreiros das festas", para que luzan en todo o seu esplendor durante os festexos parroquiais, "o día máis importante de cada un das nosas parroquias", concluíu o edil do BNG.