Aberto o prazo de inscrición para os novos talleres de verán do programa de maiores de Cruz Vermella Pontevedra
Por Oskar Viéitez
Cruz Vermella en Pontevedra abre o prazo de inscrición para os novos talleres de verán do programa de maiores que consiste na organización de talleres e actividades destinadas a persoas con máis de 65 anos.
As novos talleres impartiranse na sede de Pontevedra, (c/ Padre Gaite n.º 5) a partir do mes de xullo e son: Ocio ao Aire Libre, Psicomotricidade, Risoterapia, Taller de Cociña "Super Chef de cociña" e Saídas á praia.
Estas actividades pertencen ao programa de axuda a domicilio complementaria e están financiadas polo ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade e inclúen na súa programación actividades de memoria, manualidades, bailoteca, andainas entre outras.
O obxectivo principal consiste en que as persoas maiores establezan novos espazos de relación ao mesmo tempo que se fomentan dinámicas para o mantemento e mellora de aspectos como a memoria, a atención e a cognición, promovéndose un envellecemento activo con hábitos de vida saudables e fomentando unha actitude positiva fronte ao cambio na idade adulta.
Para poder participar nas actividades, abondará con inscribirse e realizar unha entrevista de acollida na sede de Cruz Vermella en Pontevedra, onde ademais, as persoas poderán informarse dos diferentes proxectos e actividades que Cruz Vermella desenvolve para persoas maiores nesta cidade.