Os 50 anos da UPG, a exposición no Pazo da Cultura de Pontevedra
Por Redacción
O Pazo da Cultura acolle desde este martes a exposición A Nación galega en pé. 50 anos da fundación da Unión do Povo galego. Trátase dunha mostra organizada pola Fundación Bautista Álvarez e a Agrupación Cultural O Galo, que decidiron promover esta iniciativa sobre os inicios do proceso de restauración nacional de Galicia, despois de que no ano 2014 cumpríranse o cincuenta aniversario da fundación da UPG en plena ditadura.
A mostra, comisariada por María Antonia Pérez, está formada por oito paneis e oito expositores con imaxes e documentos orixinais mediante os que se poderá coñecer o desenvolvemento organizativo e o compromiso das organizacións socialnacionalistas cos intereses do pobo galego.
Nela óllanse fotos, audiovisuais, carteis, revistas, libros e publicacións varias que achegarán ao visitante aos primeiros anos de dita organización, a súa total implicación nas loitas contra a ditadura franquista así como outras moitas loitas sociais de fins dos setenta e comezos dos oitenta, como a loita contra a cota da seguridade social agraria ou a loita contra o intento de instalar unha central nuclear en Xove.
Tamén se pode coñecer a través dos documentos e imaxes as relacións internacionais, a aposta por un sindicalismo de clase, os seus combates pola defensa dos dereitos das mulleres ou da identidade nacional, cultura e lingua.
Igualmente está presente nesta mostra conmemorativa, o temperán compromiso deste movemento coa salvagarda e explotación sostíbel do noso ecosistema e os pasos da súa actividade político social a prol das xentes máis desfavorecidas de Galicia.
A entrada á mostra é de balde e poderá visitarse ata o 23 de xullo no horario habitual do Pazo da Cultura de Pontevedra.
Así mesmo, a Fundación Bautista Álvarez e Agrupación Cultural O Galo, procurarán facilitar gratuitamente persoal para explicar a exposición a todos aqueles colectivos, asociacións ou pequenos grupos que lles soliciten realizar visitas guiadas.