A chegada dos Reis Magos inunda as rúas de carrozas... e de pontevedreses
Por Redacción
O anticiclón que nos últimos días deixou ceos despexados e temperaturas agradables en Pontevedra foi o mellor aliado que este ano puideron ter os Reis Magos de Oriente na súa visita á cidade. Este 5 de xaneiro animou aos pontevedreses a botarse á rúa para presenciar a cabalgata real coa que Melchor, Gaspar e Baltasar quixeron saudar nenos e adultos antes de chegar ás súas casas de madrugada cargados de regalos, carbón ou, polo menos, ilusión, que nos tempos de crise que corren non teñen fondos, para agasallar a todos.
A cabalgata partiu con puntualidade case británica, tan só uns minutos despois das 18.00 horas previstas da rúa 12 de Novembro e percorreu Loureiro Crespo, Benito Corbal, Peregrina, Michelena e a praza de España ata chegar á Alameda e dar un descanso ás súas Maxestades, o seu séquito e as carrozas e grupos musicais que os acompañaron no percorrido.
Dende o inicio do traxecto estiveron rodeados por miles de pontevedreses que se arremuiñaban para ver en primeira fila a Melchor, Gaspar e Baltasar e, de paso, facerse cunha parte dos 1.000 quilos de doces, aptos para celíacos, que repartiron os Reis e os seus paxes e séquito real.
Melchor chegou na súa carroza "Touro persa", Gaspar na "Isis Exicia" e Baltasar no seu "Esfinxe Leonada". A comitiva real completárona tres carrozas máis (o capitán Garfio, o oso panda e a carroza musical) e compañeiros de fatigas como a banda de música de Salcedo, o grupo de Cabalería, malabraistas, percusionistas e bailarins árabes, as bandas " Os de algures" e "Airiños dá Fracha", árbores e encantos de Nadal, o Yeti, laa charangas Apeles, Os Quintilláns e Charandonga, xigantes, camelos pastores, xoguetes, dragóns, globadores imposibles, bonecos de neve, cabezudos e pernilongos saltarins.
Dúas horas de percorrido que deixaron un rastro de confeti polo centro da cidade, interromperon o paso aos paseantes e compradores de última hora e deixaron a todos os asistentes con bo sabor de boca á espera de botarlle o dente ao tradicional Roscón de Reis.