Todas as obras da contorna da Avenida de Vigo estarán rematadas antes do inicio do curso
Por Redacción
O concelleiro de Obras, Luis Bará, anunciou que a principios de setembro o equipo de goberno ten previsto que estean finalizados os traballos que se están a acometer para mellorar a Avenida de Vigo e o novo vial de desdobramento.
Bará apuntou que as obras máis complicadas se levarán a cabo a finais de xullo co fresado e a pavimentación de xeito graduado, que levarán consigo cortes de tráfico.
O concelleiro sinalou que tamén se modificará a dirección no entroncamento de Fernando II para facilitar o acceso ao cruzamento da Estación.
Na próxima comisión de Cultura decidirase a denominación para o vial do desdobramento, financiado polo ministerio de Fomento. O concelleiro de Obras afirmou que a proposta do grupo de goberno contempla, nestes momentos, 20 ou 30 nomes de mulleres pontevedresas xa falecidas que poderían dar nome a este acceso.
NOVO ACCESO A MONTE PORREIRO
Por outra parte, o responsable de Obras, sinalou que na comisión de Mobilidade se informara sobre o novo acceso a Monte Porreiro, conectando os terreos da antiga Tafisa coa zona da Uned a través dos Campos. Ten dous sentidos de circulación e unha beirarrúa de 2,5 metros. Segundo Bará, este tramo acurtaría o acceso á urbanización e melloraría a seguridade vial.
Ademais este acceso axudaría a gañar espazos na avenida de Bos Aires, segundo o concelleiro, que afirmou que se reduciría a un só carril para que esta zona completase o carril-bici e incrementase a zona de ocio no ámbito do Lérez.
O presuposto deste novo vial alcanzaría a cifra de 1.600.000 euros de presuposto financiado entre o Concello e a Deputación. A previsión consideraría o inicio das obras en 2016 para finalizalas ao ano seguinte.