Identifican tres persoas implicadas nunha pelexa multitudinaria en Montero Ríos
Por Redacción
Unha pelexa multitudinaria chamou a atención dos viandantes que paseaban pola avenida Montero Ríos na noite deste martes. Víronse implicadas unha decena de persoas e, ante o caríz que estaba a tomar, as testemuñas alertaron o 112. Finalmente, o enfrontamento disolveuse coa presenza de varias pattrullas das policías Local e Nacional, sen necesidade de que os axentes tiveron que intervir ou mediar entre os participantes.
A Policía Nacional recibiu a alerta do Centro de Atención de Emerxencias de Galicia sobre as 21.55 horas e, ante a descrición da pelexa que deran as testemuñas, solicitouse a colaboración da Policía Local. Axentes de ambos os dous corpos desprazáronse ata o lugar dos feitos, entre o edificio da Deputación Provincial e a Cruz, que preside Montero Ríos.
Á chegada dos vehículos policiais, os participantes na pelexa separáronse por si mesmos e os axentes tan só identificaron tres varóns con domicilio no poboado chabolista do Vao pola súa participación no enfrontamento, pero sen atribuírlles ningún delito.
Testemuñas presenciais relataron que se chegara a producir unha pelexa e que podería haber algún menor nesta, pero a Policía non ten constancia de ningunha persoa lesionada nin realizou máis actuacións en relación con este incidente.