Caen cinco arousanos nunha rede que traficaba con heroína entre Holanda e Galicia
Por Redacción
Cinco persoas con vínculos coa comarca do Salnés caeron nas últimas semanas nunha operación contra o narcotráfico desenvolvida pola Unidade de Drogas e Crime Organizado (Udyco) da Policía Nacional en todo o territorio español. Catro deles foron detidos en Vilagarcía de Arousa e Cambados e un quinto é un individuo coa residencia fixada entre Vilanova e Ourense ao que detiveron na cidade das Burgas.
A operación foi realizada por axentes da Udyco Galicia, a Brigada Central de Estupefacientes, a Xefatura Superior do País Vasco e o Grupo de Operativo de Intervencións Técnicas (GOIT) da Área de Automoción da División Económica e Técnica. Entre os detidos galegos, había un coñecido das forzas de seguridade, Francisco Javier Maneiro, con alcume 'Javillo', que era o individuo co domicilio fixado entre Vilanova e Ourense.
A operación permitiu poñer en xaque a unha organización que traficaba heroína entre Holanda e España e intervir 16 quilos desta substancia estupefaciente. En total foron detidas 13 persoas, entre os que estaban dous cidadáns turcos residentes en Holanda e encargados de subministrar o estupefaciente e recibir os pagamentos polas partidas enviadas a España.
Un dos principais investigados foi na localidade bilbaína de Durango cando se desprazaba nun camión dende Holanda, en compañía doutra persoa, cunha partida de heroína. Inspeccionado o camión por funcionarios do Grupo de Operativo de Intervencións Técnicas (GOIT), foi localizada unha mochila oculta nun habitáculo e, no seu interior, 20 paquetes que contiñan un total de dez quilogramos de heroína.
Entre os arrestados había catro cidadáns turcos aos que incautaron 200.000 euros en efectivo aproximadamente -supostamente procedentes do pagamento doutras organizacións-, un quilogramo de heroína e outros 32.000 euros que un matrimonio portaba pagar a droga.
En Galicia foron arrestadas sete persoas, dous en Vilagarcía, dous en Cambados, un en Ourense e dous en Ferrol e intervidos 14.000 euros máis, entre outros efectos. Ademais, realizáronse rexistros domiciliarios en Galicia nos que foron intervidos outros cinco quilogramos de heroína, 10 quilos de substancia de corte e útiles para a manipulación do estupefaciente.