Panelia, un sabor intenso a mar para poñer en valor as algas que sementan a Ría
Por Natalia Puga
Sostén Marina Buceta, vicepatroa da confraría de San Telmo de Pontevedra, que o sector do marisqueo da Ría "tocou fondo", tanto que "máis fondo xa non pode tocar" e necesita tomar medidas para saír a flote. Este venres, viu un posible faro ao que agarrarse para conseguilo: a Panelia. Trátase do nome comercial dunha marmelada elaborada a base de alga verde extraida dos bancos marisqueiros pontevedreses que permitiría poñer en valor o que os mariscadores coñecen como 'panelo' e, ao mesmo tempo, converterse nunha fonte de recursos para un sector en crise.
O proxecto deuno a coñecer o responsable da vinoteca O Bioco da rúa Manuel Quiroga, Juan Castiñeira, que durante anos tamén se dedicou ao marisqueo. Os emprendedores que puxeron en marcha Panelia rexistraron o nome e a receita, pero non teñen en mente a súa comercialización, senón que decidiron poñer o recurso en mans do sector e da Xunta de Galicia para que sexan eles quen dean o paso e exploten as posibilidades de negocio que ven nunha alga que nalgunhas épocas do ano se acumula por toneladas nos distintos bancos marisqueiros pontevedreses.
O sector recolleu a luva confiando en poder sacarlle partido. "É unha maneira máis de diversificar o que facemos, é moi importante, se non nos vendemos ben, non saimos adiante", explica Mariña Buceta tras coñecer as posibilidades que ofrece a Panelia, da que este venres representantes da confraría San Telmo puido degustar unha ducia de pratos diferentes.
Pan e Panelia; con queixo e mel; con patagullo; con mexillóns en escabeche; acompañando un biscoito de Cantarelas; nun timbal de arrol branco e Panelia; en ensalada fría de sardiñas; acompañando un lirio en tempura de panelo; con mouse de queixo e algas con cogomelos; como condimento nun prato de pasta con cogomelos e ameixas vermellas; con melón; ou formando parte dun espicho de lirio con alga, ulvas e mexillóns. Son os pratos preparados no Bioco para demostrar as infinitas posibilidades que ofrece a alga ulva latuca -coñecida como leituga de mar- e a súa combinación con outras algas das que sementan o litoral pontevedrés en forma de 'panelo'.
"Sabe a mar, mar", aseguraron as mariscadoras tras a degustación. E é que, segundo explicou Juan Castiñeira, ten un "sabor intensísimo a mar" que recorda aos caramuxos e que, ademais, ten un olor moi intenso que non deixa indiferente. Este emprendedor confía en que sexa a saída para aumentar os recursos dun sector que nestes momentos está moi afectado pola marea vermella e que, ademais, ano tras ano, se encontra cun grave problema asociado o panelo. As algas cobren os bancos, asfixían o marisco e afectan á fixación da area, de modo que é necesaria a súa retirada. Usándoa como 'Panelia' poderían sufragar a súa retirada das praias e ter unha fonte de ingresos extra.
Ao respecto, Marina Buceta explicou que na actualidade buscaron unha saída para o panelo a través dunha colaboración cunha empresa de aboamentos e saben doutras confrarías que empezaron a vendelas para a industria cosmética ou da alimentación, pero "aínda son as menos". Polo menos, de momento, pois os mariscadores pontevedreses tomaranse en serio seguir adiante coa Panelia.
Á hora de estudar esta vía adicional de obtención de recursos contan co respaldo da Consellería do Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia. O seu xefe territorial de Pontevedra, Miguel Pérez Dubois, acudiu á presentación da Panelia e aseguroulles que teñen o "total apoyo" se deciden explotar este uso das algas, un proxecto que o departamento autonómico ve "muy interesante".