Os Bombeiros do Salnés rescatan un home inconsciente nun tellado da Illa de Arousa
Por Redacción
Os efectivos do parque comarcal de Bombeiros do Salnés tiveron que rescatar durante o luns 13 un home que quedara inconsciente cando realizaba obras no tellado dunha vivenda na Illa de Arousa.
O home encontrábase a unha altura aproximada de tres metros e tivo que ser evacuado por unha ambulancia a un centro hospitalario da zona.
Unha vez que se recibía a alerta, o Servizo de Emerxencias do 112 Galicia informou á Policía Local, a Protección Civil de Vilanova de Arousa e á Garda Civil, ademais dos Bombeiros do Salnés.
O incidente produciuse na rúa Franqueira, na zona urbana da Illa de Arousa, sobre as 14.00 horas e a calor que se rexistraba a esas primeiras horas da tarde, cando o termómetro superaba os 30 graos de temperatura, influíu en que o home se esvaecese.