Morre un corzo atropelado por un turismo en Caldas
Por Redacción
Un corzo morreu na tarde deste martes ao verse implicado nun accidente de circulación en Caldas de Reis. O sinistro produciuse arredor das 14.45 horas na estrada PO-8003 á altura do lugar de Paradela, na parroquia de Bemil.
Segundo informou Protección Civil de Caldas de Reis, un turismo Renault Scenic circulaba en dirección a Paradela cando, de súpeto, un corzo irrompeu na calzada. O condutor do turismo non puido facer nada para evitar o atropelo e levouno por diante.
O condutor do turismo non sufriu danos persoais e puido chamar persoalmente ao Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, pero o seu turismo si rexistrou pequenos danos materiais na zona dianteira.
Efectivos de Protección Civil de Caldas localizaron o corzo atropelado a uns escasos metros do vehículo. Estaba morto tirado no medio dunha zona de monte.
No operativo participaron a agrupación de voluntarios caldense, efectivos do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Valga e a Garda Civil de Tráfico, que abriu dilixencias sobre o sinistro.