"Sube ao Grobus e veranea no Grove"
Por Redacción
"Sube ao Grobus e veranea no Grove". Con este lema, a Asociación de Hostalaría do Grove puxo en marcha este mes de xullo unha nova iniciativa destinada aos turistas que cada ano elixen esta localidade do Salnés para o seu descanso estival.
O novo autobús turístico, bautizado como 'Grobus', anima os cidadáns a "descubrir os mellores lugares do Grove do xeito máis cómodo" e a un prezo económico, pois o billete custa 1,40 euros se se compra a bordo do vehículo, pero ten un prezo reducido de 1 euro para o traxecto completo se se compra nos establecementos adheridos á iniciativa.
Ademais, os clientes poden bonificar o importe do seu billete realizando unha compra mínima nalgún dos establecementos participantes, que ofrecen as opcións de 'Compra 5' ou 'Compra 15' e dan a posibilidade ao veraneante de que o Grobus lle saia gratis.
O autobús leva unha semana en funcionamento con grande acollida de público, animado polo prezo e pola accesibilidade do servizo, pois sae diariamente entre as 11.00 horas da mañá e as 6.00 horas da madrugada. Os servizos saen, en concreto, cada día ás 11.00, 12.00, 15.00, 16.00, 17.00, 20.00, 22.00, 23.00, 00.00, 02.00, 04.00 e 06.00 horas.
O punto de saída e chegada é a estación de autobuses, pero o autobús percorre todo o municipio e oferta 23 paradas intermedias nos puntos de maior interese turístico e de maior afluencia de turistas.