O proceso de expropiación dun terreo dos xulgados da Parda remata 19 anos despois
Por Natalia Puga
O proceso de expropiacións iniciado no ano 1996 para a construción dos actuais xulgados da Parda tivo un novo fito nos últimos días. 19 anos despois de que se iniciasen os trámites unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) dá por pechada a entrega dun terreo cuxos propietarios mostraban a súa desconformidade co prezo pagado.
A Xunta de Goberno local de Pontevedra revisou este luns o fallo xudicial, ditado pola Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG. Os propietarios dun terreo solicitaran a retaxación da súa propiedade, pola que pedían inicialmente 544.172,66 euros, pero o Xurado de Expropiacións de Galicia fixou o prezo en 238.128,83 euros.
Os donos levaron o ditame do Xurado de Expropiacións ao Xulgado, que ditou finalmente sentenza confirmando o prezo pagado, de modo que as pretensións de reclamación se viron frustradas.
O voceiro do Goberno local, Raimundo González, explicou que, en virtude desta resolución, o Concello de Pontevedra non terá que pagar nada a maiores do xa aboado no seu día.