Volta de 180 graos para "acender a luz" na Casa da Luz
Ir máis alá dun punto de información turística. É o obxectivo que se marca Anabel Gulías para "darlle a volta" á Casa da Luz, o emblemático edificio da praza da Verdura na que se encontran as dependencias de Turismo de Pontevedra e os servizos de Promoción Económica do Concello de Pontevedra. "Ten que dar para máis", adiantou na rolda de prensa na que se presentou a nova imaxe do inmoble.
O primeiro paso será, dixo, recuperar o contacto co centro histórico e que a Casa da Luz sexa un punto de actividade creativa e económica, de forma que "sexa viva e se volva a acender a súa luz". Anabel Gulías explicou que será un lugar "moderno, dinámico e vertebrador" e que servirá de encontro para o tecido asociativo da cidade porque "queremos buscar que teña a máxima utilidade para que poidan desenvolver ás súas actividades".
Así, a nova 'sala dos Bolechas' -situada no soto do edificio- quedará "aberta e dispoñible" para as necesidades de todo tipo de asociacións: conferencias, presentacións ou cursos. A primeira actividade será a que organice o Espazo Arroelo, unha xornada de creatividade e emprendimiento que terá lugar o próximo sábado 24 de xullo e no que colaboran, entre outros, a Universidade de Vigo e o propio Concello.
Pola súa banda, na planta baixa, que foi rebautizada como a 'pecera' seguirá o servizo de información turística que, a partir de agora, asumirá tamén as tarefas de promoción da cidade, publicitando as actividades que se realizan nela como concertos, citas culturais, eventos deportivos ou festas. Ademais, abrirase un espazo expositivo "moderno e variable" que se estreará cunha mostra do traballo do Garaxe Hermético de Kiko Dasilva.
O servizo de Promoción Económica seguirá ocupando a primeira planta. Os seus traballadores, segundo a concelleira nacionalista, seguirán apoiando os proxectos de emprendemento que se vaia creando na cidade, asesorando empresas, apostando por plans de formación ou xestionando as subvencións ás que poden optar os proxectos empresariais. Tamén estará alí a Pontevedra Film Comission, para impulsar rodaxes na cidade.
Por último, na segunda planta habilitouse o 'Faiado da Luz', un espazo de reunión máis pequeno que a sala do espazo inferior que tamén estará dispoñible para as asociacións que así o soliciten.
Todos estes cambios veñen acompañados dunha reorganización do mobiliario da planta principal e unha nova imaxe corporativa para a Casa da Luz coa que buscan dar unha imaxe máis "moderna e dinámica" a todo este ámbito.
Relacionadas:
-
Unha mostra de O Garaxe Hermético recupera a Casa da Luz como espazo expositivo
Por Alejandro Espiño |
-
Anabel Gulías comprométese a manter a Film Commission na presentación de 'Wendylad is dead'
Por Anxo Lourido |
-
Presentan o primeiro caderno de viaxe da cidade de Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |