A Xunta confirma que a escola unitaria de Samieira pechará o vindeiro curso
Por Redacción
Os peores agoiros dos pais de alumnos da escola unitaria de Samieira, en Poio, veñen de cumprirse. Figura na lista de trece centros educativos destas características que deixarán de prestar servizo en Galicia no vindeiro curso debido ao baixo número de alumnos matriculados.
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria fixo pública este martes a lista de escolas unitarias que pecharán, entre as que tamén figura a escola de Pedroso-Bamio, en Vilagarcía de Arousa. Na provincia de Pontevedra hai tres centros afectados.
A Xunta fixo pública a lista despois de rematar a revisión da matriculación dos centros escolares nos niveis de educación infantil, educación primaria e educación especial para o vindeiro curso 2015-2016. Conforme aos datos definitivos de matriculación, suprímense todos os centros que conten con cinco ou menos alumnos. En Samieira hai matriculados tres.
Ademais, atendendo aos datos oficiais de matriculación, lévase a cabo un proceso de reorganización de unidades dentro dos propios centros educativos que conleva, ben a creación de novas unidades, ben a supresión doutras e reagrupamento en función do incremento ou diminución de alumnado. Os datos concretos poden consultarse neste enlace web.