Restricións de tráfico dende o luns no ámbito da estación de autobuses por traballos de asfaltado
Por Redacción
O ámbito da estación de autobuses verase afectado durante toda a semana polos últimos traballos de asfaltado nas rúas Josefina Arruti (desdobramento da Avenida de Vigo), Luis Seoane, Avenida de Vigo e a Avenida da Estación.
Esta situación provocará restricións nalgún dos carrís de circulación, pero non se producirá cortes totais ao realizarse gradualmente para minimizar no posible as incomodidades xeradas a veciños e comerciantes.
Os traballos comezarán o luns 27 de xullo pola Avenida da Estación, cortándose un carril e mantendo aberto un sentido de circulación en dirección Fernández Ladreda.
O martes 28 está previsto que os labores de asfaltado se trasladen a Fernando II, e o mércores 29 á Avenida de Vigo, polo que o tráfico rodado se desviará polo novo desdobramento, a rúa Josefina Arruti. Ademais algúns garaxes da zona veranse afectados.
Para rematar durante xoves 30 e venres 31 os traballos centraranse en Josefina Arruti, ocasionando o peche do carril de saída da cidade.