Os traballos para paliar os efectos do temporal nas rúas estenderanse "tres ou catro semanas"
Por Alejandro Espiño
A porta de Trabancas, que une a Praza da Peregrina e a Praza da Ferrería, é a primeira zona da cidade que será rehabilitada con cargo ás obras aprobadas polo Concello de Pontevedra pola vía de urxencia para paliar os danos dos últimos temporais. Uns traballos que se estenderán a unha vintena de rúas da cidade e que se realizarán durante tres ou catro semanas.
"Estarán rematadas antes do Entroido", afirmou o concelleiro de Obras, Luís Bará, quen explicou que a actuación iniciada pola empresa Eiriña, adxudicataria destas reformas, na porta de Trabancas "é unha dás máis complexas porque é unha zona que leva dando moitos problemas" e as últimas choivas non fixeron máis que agravar o seu estado.
Dixo Bará que a problemática desta obra é que se realiza nunha zona de paso de vehículos e peóns e haberá que levantar todo o pavimento para rexenerar a base sobre a que está situado. Preténdese corrixir así os problemas detectados recientemente, "con pedras que se movían ou que estaban máis altas que outras, unha situación que produciu caídas nos últimos días".
O edil nacionalista, que espera que en breve haxa ata tres equipos traballando en diferentes zonas da cidade, explicou que as seguintes actuacións terán lugar nas rúas Arzobispo Malvar, Concepción Arenal e en Rosalía de Castro. Nesta última, xusto en fronte da Audiencia, realizarase "a principios da próxima semana", un corte de tráfico para mellorar o firme, o que obrigará a desviar a circulación por rúas próximas.
Luís Bará destacou que se actúa nestas zonas de maior uso peonil, "malia que hai outras zonas que igual están peor", debido a un asunto de seguridade, accesibilidade e mobilidade. Neste sentido, adiantou que na primavera se reformará o asfalto máis deteriorado nas rúas da cidade e recordou que as brigadas de obras municipais tamén seguen facendo todo tipo de reparaciones.