Chafouse a festa, chega unha borrasca
Por Redacción
Durante a xornada do luns Galicia queda baixo a influencia dunha borrasca que se moverá polo Atlántico Norte cunha fronte que se achegará ao longo do día.
Segundo sinala a predicción de MeteoGalicia deste xeito os ceos irán anubrándose progresivamente con máis nubes no oeste e algunhas chuvias moi febles e intermitentes no litoral atlántico que pola noite se estenderán algo máis ao leste.
As temperaturas descenderán tanto as mínimas como as máximas. Os ventos pola mañá soprarán de compoñente sur frouxos con intervalos moderados no litoral norte; xa pola tarde irá rolando progresivamente ata quedar do noroeste pola noite.
O MARTES ASOMARÁ UN ANTICICLÓN
Na xornada do martes Galicia queda momentáneamente nunha zona intermedia entre o anticiclón e as borrascas atlánticas con ventos de compoñente norte.
Nas primeiras horas do martes haberá néboas xeneralizadas no interior e intervalos anubrados, con máis nubes no terzo norte onde se rexistrarán aínda algunhas precipitacións febles e illadas, que remitirán rapidamente ao longo da mañá; xa dende as horas centrais do día comezarán a abrirse grandes claros con predominio dos ceos despexados pola tarde e a noite.
As temperaturas mínimas ascenderán mentres que as máximas tenderán a descender, principalmente no norte. Os ventos soprarán de compoñente norte frouxos con algúns intervalos moderados nas Rías Baixas.
O XOVES CONTINUARÁ A INESTABILIDADE
O xoves continuará a inestabilidade debido a unha baixa situada sobre as illas Británicas e que fará que haxa máis nubes con posibilidades de precipitación.
Cara a fin de semana, o anticiclón irá collendo sitio e baixará a probabilidade de chuvia as que poderían ser de carácter tormentoso illado a partir do luns. As temperaturas tenderán a aumentar ao longo do período, acadando valores altos ao final.