Así será o operativo policial para que as touradas e os fogos transcorran con normalidade
Por Redacción
As touradas que se celebrarán este sábado e este domingo na praza de San Roque e a tirada de fogos de artificio prevista para a noite do sábado na zona das Corbaceiras motivaron que a Policía Local de Pontevedra teña deseñado un operativo especial destinado a garantir que non se produzan problemas de tráfico ou seguridade cidadá.
Ademais, tanto para a celebración taurina como para a festa posterior do sábado, que se prevé multitudinaria, a Policía Local reforzará os servizos nas quendas de tarde e noite. Tamén se conta coa colaboración da Policía Nacional, con quen se estiveron coordinando os operativos, e farase un reforzo nos servizos de limpeza para os momentos posteriores á festa, que deixarán o centro histórico en bo estado hixiénico. Dende o Concello lembran a prohibición de invadir o espazo público con barras de distribución de bebidas.
En relación co operativo de tráfico, dende as 8.00 horas do sábado prohíbese o estacionamento nas rúas próximas á Praza de Touros -Victor Said Armesto, Campo da Torre e Nostramo Lourido-. A prohibición durará ata as 22.00 horas do domingo e a partir das 14.00 horas dos dous días da fin de semana quedarán peonalizadas as rúas Alameda, Raíña Vitoria e boa parte de Colón e San Roque.
O operativo das touradas implicará despregar un total de 25 vallas con sinalización coas que se indicará que a avenida San Roque quedará cortada nas Corbaceiras en sentido subida, así como Víctor Said Armesto e outras menores que dan acceso á praza.
Tamén se cortará o Paseo de Colón á altura da rúa Monteleón, de tal xeito que os vehículos que circulen por esta vía desde a ponte da Barca, deben dirixirse á avenida de Uruguai. Os vehículos que circulen desde a avenida de Uruguai pola rúa Irmáns Nodales terán que voltar ás Corbaceiras por San Roque.
O sábado, a partir das 23.00 horas, entrará en funcionamiento o operativo especial deseñado para garantir a seguridade durante a tirada de fotos artificais. O Concello de Pontevedra dispón dun Plan de actuación de emerxencias para este tipo de espectáculos no que participan efectivos da Policía Local e Protección Civil, bombeiros, sanitarios e técnicos en pirotecnia.
A partir das 23.30 horas, a Policía Local de Pontevedra procederá ao corte do tráfico rodado nas inmediacións do peirao de Corbaceiras ata o remate da actividade e establecerá un perímetro de seguridade para as persoas nas inmediacións do punto da tirada dos fogos de artificio. Fan un chamamento á poboación que acuda a ver os fogos para que respecten o límites das vallas de seguridade.
O trafico procedente de Marín será desviado pola rúa Manuel del Palacio, o do Paseo de Colón terá que ir por Monteleón cara á avenida de Uruguai e o que veña dende a avenida de Uruguai será desviado por Xofre de Tenorio. A rúa dos Peiraos desviarase por Ponte Novo – Palamios.