Nova incorporación de centros educativos pontevedreses ao proxecto do libro dixital da Xunta
Por Redacción
A Consellería de Educación incorpora a novos centros pontevedreses ao proxecto do libro dixital E-DIXGA, dentro do programa Abalar, para integrar as novas ferramentas tecnolóxicas e de comunicación no ensino.
Desta forma, os centros CEIP Enrique Barreiro Piñeiro de Cambados; A Carballeira e o Froebel, de Pontevedra; O Piñeiriño de Vilagarcía de Arousa, así como o CPR La Encarnación de Caldas de Reis súmanse a esta iniciativa. Tamén o IES Mestre Landín de Marín, o CPR Calasancio de Pontevedra e o San Fermín de Caldas de Reis formarán parte deste proxecto.
Este curso 2015/16 os alumnos de 5º e 6º de primaria e de 1º de ESO contarán co material dixital, totalmente gratuíto. Os contidos didácticos albergaranse nunha plataforma de aprendizaxe virtual á que os alumnos poden acceder, tanto de forma online como offline, a contidos curriculares completos facilitados pola Xunta como aos elaborados polos propios docentes dos centros educativos.
O anterior curso, 2.300 estudantes de toda Galicia xa puideron empregar este novo sistema.