A Policía Local requisa petardos ilegais a tres vendedores ambulantes
Por Oskar Viéitez
Dentro do plan especial de vixilancia da venda ambulante que a Policía Local de Pontevedra puxo en marcha durante as festas, os axentes municipais requisaron petardos ilegais a tres vendedores que tiñan os seus postos nos xardíns da Alameda.
Neste plan especial os axentes preocúpanse de que esta actividade non se realice fóra dos lugares expresamente habilitados e ademais controlando os artigos que se venden.
Segundo informaron fontes oficiais da Xefatura local de Pontevedra, o domingo pola tarde, sobre as 20.00 horas, recibiron unha alerta pola venda de produtos perigosos ou que podían supoñer algún risco para o consumidor. Concretamente denunciáronse tres postos que vendían petardos prohibidos para a venda ambulante.
Dende hai tres anos, coa entrada en vigor da lei galega de protección xeral dás persoas consumidoras e usuarias, os policías locais desenvolven un labor máis directo na defensa e tutela dos dereitos dos consumidores. É dicir, os axentes municipais revisan a marcaxe de prezos, falsificacións de marcas ou, como é este caso, a sanidade e seguridade dos produtos nos mercados.
E é que entre estas funcións se encontra a inspección e sanción da venda ambulante, os mercados e prazas de abastos e ademais ter asignado un papel determinante como mediador de posibles conflitos.