67.000 euros para financiar os programas de inclusión social en Vilaboa e Marín
Por Redacción
A Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia investirá este ano preto de 67.000 euros en financiar os programas de inclusión social postos en marcha en Vilaboa e Marín.
Así o anunciou este luns o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, quen explicou que esta cantidade supón un aumento, xa que o pasado ano foi de 56.300 euros.
Esta partida presupostaria está destinada, no caso de Marín, á subvención de programas para o colectivo xitano (24.507 euros) e a programas dirixidos a inmigrantes (17.250 euros).
Vilaboa pola súa banda recibirá 25.020 euros para custear programas dirixidos a inmigrantes.
"A convocatoria contempla financiar as seguintes actuacións: itinerarios personalizados de inclusión sociolaboral; intervencións educacionais para mellorar as condicións residenciais das persoas ou familias incorporadas a procesos de realoxo, erradicación do chabolismo, ou con carencias básicas no fogar; accións educativas enfocadas aos menores; asesoramento técnico especializado; e apoio ás persoas inmigrantes no relativo á realización dos trámites precisos nas autorizacións e renovacións de residencia e traballo", explicou Cores Tourís.