Preocupación pola coincidencia das procesións coas peñas
Por Redacción
A concelleira de Festas do Concello de Pontevedra, Carme Da Silva, expresou este luns a súa preocupación pola coincidencia dos actos relixiosos de Santa María e San Roque coas celebracións das peñas.
Este ano coinciden os actos relixiosos das festividades de Santa María (o día 15) e San Roque coa súa procesión (día 16), coas festas de peñas que se celebran coincidindo cos días de festexos taurinos. Con tal motivo a Concellaría de Festas coordinou coas asociacións de veciños correspondentes e a Policía Local, un dispositivo para "garantir que estas actividades se poidan desenvolver".
Entre outras medidas inclúen o valado e a sinalización dunha determinada zona da Avenida de Santa María.
Carme Da Silva dixo estar "segura" de que se poderá "disfrutar de ambas as dúas actividades tranquilamente" se se lle traslada a "eses mozos e mozas que son xente responsable, estudosa e traballadora que se están divertindo estes días" que ese día non vaian á zona de Santa María.
Por este motivo pediu aos medios de comunicación que trasladen esta petición ás peñas.
VALORACIÓN POSITIVA
Da Silva valorou como "moi positivo" o arranque das festas, "tanto polo éxito da asistencia a todas as actividades que se programaron como pola tranquilidade coa que se celebraron todas elas".
"Houbo miles e miles de persoas na cidade sen que houbese ningún incidente que destacar", apuntou a concelleira, á marxe das intoxicacións etílicas que, desgraciadamente, pasan xa por habituais durante calquera celebración festiva.
O dato de recollida de lixo respecto a todo o recinto da festa, non só o relativo á sucidade que xeran as penas, eleva a 8 toneladas o peso dos deperdicios recollidos esta madrugada do luns.