'Voltar á Terra' pide unha candidatura única aos partidos galegos para reclamar o retorno dos mozos emigrados
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
A Plataforma Voltar á Terra, formada por 500 mozos que se encontran traballando en distintos puntos do mundo debido á falta de emprego en Galicia, reclama a través dun decálogo de propostas que se presente unha candidatura galega conxunta ás eleccións xerais que reúna forzas para esixir no Parlamento o retorno dos mozos galegos que tiveron que emigrar para buscar traballo.
Segundo Rubén Permui, representante da plataforma, este colectivo encóntrase formado por entidades sindicais, feministas, xuvenís e deportivas que reclaman un cambio económico e a creación de emprego dentro de Galicia para que as xeracións máis preparadas poidan quedar no seu país.
Voltar á Terra preséntase como movemento aberto a todos os cidadáns, que están en contacto a través de internet por encontrarse en diferentes puntos, para evitar o desánimo entre a xente máis nova e van realizar actos de presentación en distintos puntos do Estado como Madrid ou Barcelona para intentar reducir a "mobilidade exterior" da que falaba a ministra de Emprego, Fátima Báñez.