Policías locais de paisano sorprenden un mozo trapicheando con cocaína
Por Oskar Viéitez
Uns axentes da Policía Local de Pontevedra que facían servizo de vixilancia durante as Festas da Peregrina detiveron un mozo tras sorprendelo trapicheando cocaína. O detido é un veciño de Pontevedra de 28 anos de idade.
Segundo informaron fontes oficiais da Xefatura da Policía Local os feitos sucederon na madrugada do pasado domingo día 9, concretamente ás 1.15 horas, na rúa Arcebispo Malvar.
Os axentes municipais desenvolvían o seu traballo sen o uniforme co obxectivo de pasar desapercibidos entre a xente cando se encontraron con dous mozos metidos entre uns colectores simulando que mexaban, pero ao achegarse a eles observaron como un dos rapaces gardaba no seu peto do pantalón un envoltorio de plástico mentres que o outro portaba un moedeiro.
Os policías dirixíronse cara a eles identificándose mediante as súas placas como axentes de Policía requiríndolles aos mozos que mostraran o contido dos seus petos. Aínda que ao principio un deles se negou, posteriormente sacou dos seus pantalóns nove envoltorios de plástico "con medio gramo cada un deles dunha substancia poeirenta de cor branca, posiblemente cocaína", apunta o informe policial.
Ao momento os axentes procederon a lerlle os seus dereitos ao mozo mentres practicaban a súa detención. Ao revisárselle a mochila que portaba os municipais encontran outros dez envoltorios máis así como diñeiro en distintas fraccións.
En canto ao outro individuo, identificouse e confesou ter comprado e consumido unha raia de cocaína.
O detido foi posto a disposición xudicial por un delito de tráfico de drogas.