Os hospitais de Pontevedra e O Salnés incorporan novo equipamento electromédico
Por Redacción
O Diario Oficial de Galicia publicou este martes a licitación de subministro de equipamento electromédico con destino a diversos centros hospitalarios do Servizo Galego de Saúde, entre eles os de Pontevedra e o Salnés. Esta actuación, cofinanciada pola Unión Europea nun 80%, no marco do programa operativo FEDER Galicia, ten un importe global superior aos 4 millóns de euros e a súa posta en servizo está prevista para o último trimestre deste ano.
Esta licitación permitirá a renovación dunha serie de equipos de alto valor tecnolóxico, así como a incorporación de novas tecnoloxías que melloren a calidade de imaxe médica e do tratamento dos datos xerados a través de tecnoloxía dixital. É dicir, poderase dispoñer de toda a información que se requira sobre o paciente dende calquera punto de asistencia da rede do Sergas, evitando a repetición de probas innecesarias, optimizando os recursos e aumentando a seguridade do paciente.
A licitación dotará ao Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra de dous novos ecógrafos, catro equipos de anestesia, un sistema radiocirúrxico, un tomógrafo de coherencia óptica, unha incubadora de transporte neonatal e dúas cunas térmicas.
Ademais, dotará ao Hospital do Salnés dun novo ecocardiógrafo para as consultas de cardioloxía e un ecógrafo de diagnóstico prenatal, equipamentos cunha tecnoloxía dixital e novas aplicacións médicas, que supoñen unha importante mellora da calidade da imaxe, permitindo diagnósticos aínda máis precisos.