Trasladan unha muller ao Hospital do Salnés tras sufrir unha espectacular envorcadura en Ribadumia
Por Redacción
O persoal sanitario do 061 tivo que trasladar unha muller ao Hospital do Salnés tras resultar ferida nun espectacular accidente de circulación, xunto ao límite territorial con Meis.
O suceso produciuse arredor das 15:30 horas deste mércores no quilómetro 9 da Autovía do Salnés (AG-41) ao seu paso por Ribadumia.
Por causas que se descoñecen a condutora saíuse da vía cando circulaba en sentido Barro e o seu coche rematou envorcando.
O Centro de Atención de Emerxencias 112 recibiu aviso do accidente de parte de varios particulares, que alertaban de persoas atrapadas no interior do turismo, polo que se requiriu a presenza dos Bombeiros do Salnés.
Finalmente non foi necesario excarcerar a muller ferida, aínda que precisou axuda para abandonar o vehículo.
Ao lugar dos feitos acudiron tamén efectivos de Protección Civil de Ribadumia e a Garda Civil de Tráfico.