A xestión de residuos volve estar na axenda provincial
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra quere implicarse na xestión dos residuos da provincia, aínda que cun modelo diferente ao formulado no Plan Provincial do Lixo promovido pola anterior corporación.
Trátase, segundo César Mosquera, de "que a Deputación se implique pero a través dos concellos", sendo eles os que propoñan o plan de xestión que máis lles conveña.
Por ese motivo a institución provincial trasladou un convite dos concellos para acudir a unha xornada sobre o tratamento de residuos que se celebrará en setembro en Alsasua (Navarra).
Aproveitando a viaxe visitaranse unha decena de plantas de tratamento de residuos sólidos urbanos de diferentes tamaños e tipoloxías que poderían ser aplicables na provincia de Pontevedra.
Mosquera ve nesta xornadas unha "oportunidade única" xa que os concelleiros ou técnicos que acudan "poden volver ben documentados e con boas ideas que aplicar", xa sexa no seu municipio ou en colaboración con outros concellos.