12 toneladas de lixo, tres intoxicacións etílicas e un ferido nunha pelexa, balance da terceira noite de peñas
Por Diego Espiño
A terceira noite de peñas deixou un regueiro de pequenas incidencias ao longo da noite, centradas na súa maioría no centro histórico da cidade, lugar no que se concentra a celebración.
Segundo informaron as autoridades locais a empresa concesionaria da limpeza, Cespa, retirou das rúas 12 toneladas de lixo no marco do dispositivo especial habilitado.
Ademais os efectivos do 061 trasladaron a tres mozos ao hospital de Montecelo por causa de intoxicacións etílicas, mentres as urxencias do citado hospital atenderon a catro persoas por cortes, un deles por cortarse contra as figuras de ferro do Fiel Contraste.
Non foron esas as únicas incidencias, e é que un mozo tivo que ser atendido por unha ambulancia tras unha pelexa rexistrada na zona antiga, identificando as forzas da orde pouco despois ao seu agresor.
Esa liorta causou ademais danos material no escaparate da tenda Lagasca Vintage, na Rúa Manuel Quiroga, onde o cristal dunha das portas resultou roto como consecuencia do forcexo.
Este suceso tivo lugar ás 22:30 horas, limitándose ao dano no escaparate "y alguna cosa pequeña por dentro", segundo explicou a PontevedraViva a propietaria, que contratou vixilancia privada para evitar danos maiores durante a noite.