Apoteósico Día do neno
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Quen diga que os fogos artificiais poñen fin ás festas da Peregrina, equivócase. Así de rotundo. O auténtico punto e final foi este luns co tradicional día do neno.
A masiva concorrencia, créanme, a maior en moitos anos, converteu a esta cita festiva nun dos principais eventos da programación lúdica do verán.
Ao reclamo dunha xornada con descontos en todas as atraccións o público ateigou á zona da Alameda e Raíña Victoria para baleirar as carteiras baixo o pegañento ritmo de reaggeton.
A ansia podía a algúns avós ante a última oportunidade destas festas para subir a algunha das atraccións instaladas. O estrés apoderábase de moitos pais pensando en poder montar o cativo no cochiño antes de que marchen os feirantes.
Cada un dos carruseis e tómbolas establece o prezo da súa atracción, pero este luns, naquelas que custan habitualmente 3,5 e 3 euros, o desconto deixou o valor en 2 euros.
Coches de choque, colchóns inchables, o saltón, tren da bruxa, a nora, o búmeran, ou as camas elásticas todo tiña unhas interminables colas que causarían a envexa de calquera responsable de Port Aventura.
As aglomeracións se inciaron a media tarde e continuaron ata media noite. Mesmo había que esperar quenda para comprar algodón doce, churros ou gominolas... pois lle compro ao neno un mojito!, chegou a dicir un pai superado polos acontecementos.