O domingo 23 de agosto volven a Festa e a Foliada do Demo
Por Mónica Patxot & Natalia Puga
Este domingo 23 de agosto os pontevedreses volverán saír á rúa nunha xornada festiva "co reto de facerse co rabo do demo". Chega a XV edición da Festa do Demo, que dende hai unha década e media recuperou a tradición de celebrar unha festa na véspera da festividade de San Bartolomeu na que que o protagonista é un 'Demo' que consegue fuxir do Santo polas rúas da cidade e atormenta a todos os veciños cos que se cruza no camiño.
O 'Demo' será, un ano máis, Xosé Luis Experante e acompañarano como parte do seu séquito de demos e trasnos os grupos Troula e Foula. Ás 12.30 horas sairán dos arcos da igrexa de San Bartolomeu e percorrerán as rúas de Pontevedra asustando aos cidadáns que, á súa vez, deberán perseguilos para collerlle o rabo.
A festa está asegurada e a concelleira de Festas, Carme da Silva, espera unha masiva afluencia de público ao coincidir en domingo -sempre se celebra en dia 23, véspera de San Bartolomeu- tanto na saída das 12.30 coma cando se repita ás 20.00 horas.
A celebración ten un apartado musical forte que chegará ás 21.00 horas na praza José Martí co concerto de San Bartolomeu da Banda de Música de Salcedo e, pouco despois, ás 21.30 horas, coa Foliada do Demo que protagonizarán o grupo musicial Alboradas e Os Chichisos na praza de Curros Enríquez.
A foliada popular, que empezou a celebrarse con posterioridade á Festa do Demo, xa pasou por distintas situacións como as prazas do Teucro e A Pedreira, pero nos últimos anos asentouse en Curros Enríquez porque "é a que mellor se adapta" ás necesidades dunha festa que busca unha viaxe no tempo ás verbenas dos anos 40 e 50, a época na que o 'Demo' pontevedrés empezou a saír á rúa antes de que esta tradición se perdese e volvese ser recuperada polo Concello de Pontevedra.
A secretaria dos Chichisos, Rosalía Rodríguez Lourenzo, animou os pontevedreses e visitantes a acudir a esta foliada vestidos de época para recrear aínda máis a atmosfera daquelas verbenas do século pasado. A iluminación e o escenario recrearán aqueles tempos e tamén os músicos e non faltará unha rosquilleira ou a parella da Garda Civil e o cura, pero resulta fundamental a implicación cidadá.
Relacionadas:
-
Correde, que ven O Demo! E trae tridente!
Por Diego Torrado | Creada e actualizada
-
Pequenos diaños pásanse ao lado oscuro na Festa do Demo
Por Redacción |
-
O demo incita os nenos a facer maldades para participar na súa Festa do sábado
Por Redacción |
-
Coidado, un demo andará solto por Pontevedra!
Por Alejandro Espiño |