Catro mozos feridos con queimaduras no incendio dunha embarcación no porto de Sanxenxo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Catro persoas de entre 22 e 26 anos resultaron feridas con lesións e queimaduras de diversa consideración e tiveron que ser trasladadas a hospitais da Coruña, Vigo e Pontevedra a consecuencia dun incendio rexistrado nunha embarcación na tarde deste mércores en Sanxenxo. A gravidade dun dos afectados motivou que se trasladara á zona un helicóptero de emerxencias para evacuar a esta persoa cun pronóstico grave.
O ferido trasladado en helicóptero é un home de 22 anos de iniciais S.P.S. que foi ingresado no CHUAC da Coruña con queimaduras graves. Outro mozo de 22 anos, E.A.G., foi trasladado ao Hospital Povisa de Vigo e os mozos de 22 e 26 anos A.D.G. e I.V.M. foron derivados ao Hospital Montecelo de Ponteveda, segundo informou Urxencias Médicas de Galicia.
Unha vez que empezou a arder a embarcación, os mozos tiráronse á auga e foron auxiliados, nun primeiro momento, por persoal da gasolineira do porto deportivo, situada a uns 30 metros, pero entre as persoas que axudaron ao seu rescate figura un axente da Garda Civil de Tráfico de Pontevedra fóra de servizo que pasaba polo lugar e se botou á auga para rescatar un dos mozos que estaba a pedir axuda, segundo puido saber PontevedraViva.
No momento da deflagración, había no barco cinco persoas, pero tan só catro resultaron feridas, resultando ileso o patrón desta, segundo informaron a Garda Civil e Emerxencias de Sanxenxo. A embarcación deportiva incendiada é propiedade dun veciño de Bueu e varias das persoas feridas son tamén desa localidade.
Segundo informou Emerxencias de Sanxenxo, arredor das 18.00 horas as lapas orixinadas na deflagración da embarcación deportiva foran extinguidas por persoal de marinería de Nauta Sanxenxo, pero foi necesario que se desprazasen efectivos de emerxencias ata a zona.
A embarcación incendiada acababa de repostar combustible no porto deportivo Juan Carlos I de Sanxenxo cando, a uns metros da gasolineira e sobre as 17.40 horas, se produciu unha explosion e empezou a arder Alí os feridos recibiron unha primeira asistencia antes do seu traslado e quedou na zona un importante rastro de combustible na auga.
A Policía Xudicial da Garda Civil investiga agora as causas do incendio e realizará unha exploración tanto da zona na que se produciu a deflagración coma da propia embarcación deportiva. O responsable de Emerxencias de Sanxenxo, Antonio Folgada, indicou que se descoñecen as causas do lume, pero se sospeita que puido deberse a unha acumulación de gases.
A existencia dunha embarcación envolta en lapas motivou un amplo despregamento de medios de emerxencias e Forzas de Seguridade, que inclúe catro ambulancias do 061 -dúas asistenciais e dúas medicalizadas-, un helicóptero que aterrou na Praza do Mar, persoal do PAC de Sanxenxo, a Policía Local, a Garda Civil, bombeiros de Sanxenxo e O Salnés, socorristas da praia de Silgar, unha lancha de Salvamento de Sanxenxo e persoal de marinería de Nauta Sanxenxo.