A Tuna de Dereito estreará as Festas de Sanxenxo
Por Oskar Viéitez
A tuna da facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela será a encargada de estrear o programa das festas de Sanxenxo con dous pasarrúas previstos para o luns, 24 de agosto.
O concelleiro de Cultura, Roberto Carlos Agís, presentou este mércores o programa das festas patronais de San Xinés e Santa Rosalía que o martes, 25 de agosto celebrarán o Día do Turista, con pasarrúas e alborada a cargo dos Gatiños de Portonovo e Banda de Música de Sanxenxo e a Feira de Produtos artesáns, na Praza dos Barcos.
Ás 12,00 horas terá lugar na Casa Consistorial o chupinazo que dá inicio ás festas, e nada máis arrancar está prevista unha sardiñada popular no recinto portuario e un concerto da Banda de Música de Sanxenxo, á unha da tarde na Praza de Pascual Veiga. Para quen non poida asistir a esa hora repetirase o concerto ás 21.00 horas.
Pola tarde, ás 19,00 horas empezará a misa cantada polo Coro Parroquial San Xinés de Padriñán e posterior procesión en honor a San Xenxo. E para rematar a xornada, verbena na Praza do Mar coas orquestras Paladium e Magos de España.
Para o sábado, 29 de agosto, o programa inclúe o Festival de Bandas de Música, ás 20.30 horas na Praza de Fonte de Ramos
E o domingo, 30 de agosto, ás 12,00 horas disputarase a XVI Milla Urbana.
Entre outros actos, para o xoves, 3 de setembro, ás 22,00 horas está sinalada a procesión nocturna para recoller a imaxe de Santa Rosalía e ás 23,00 horas na Praza do Mar, o SanXove Fest con Dkuba, La Ricura e DJs.
O venres, 4 de setembro, celébrase Santa Rosalía coa Feira da Cebola no recinto portuario e o correspondente acto de entrega de premios e Cebolas de Ouro. Pola noite haberá verbena e espectáculo pirotécnico na praia de Silgar.