Case 40.000 euros para mellorar a imaxe do Mercado de Abastos de Bueu
Por Redacción
O delegado territorial da Xunta de Galicia, José Manuel Cores Tourís, acompañado polo alcalde de Bueu, Félix Juncal, visitaron durante a mañá deste luns 7 as instalacións do mercado tradicional da vila do Morrazo.
Este edificio será modernizado e remodelado polo Concello a través dun investimento de 39.155 euros dos que a consellería de Economía e Industria achega, a través dunha subvención, 27.408 euros.
Durante a visita, segundo informan dende a Xunta, o responsable territorial e o alcalde analizaron o estado da praza de abastos para comprobar os espazos nos que se realizará mellora do espazo destinado ao mercado tradicional de venda de excedentes da horta. Crearase un espazo de información e de publicidade coa intención de que os clientes da praza poidan ter información sobre todas as actividades que se van realizar e a instalación dun equipamento para a mellora do mercado de excedentes do campo que se realiza no ámbito da praza de abastos. Tamén se instalará un banco-posto de venda para exteriores.
Segundo o alcalde, o obxectivo do novo proxecto é afianzar as actividades de dinamización comercial da praza e da mellora da imaxe comercial para converter este mercado nun punto de encontro cultural e social.