Condena pública ao caso de violencia machista rexistrado en Vigo
Por Mónica Patxot
Membros da Corporación municipal de Pontevedra e da Deputación provincial participaron este luns ás portas do Concello de Pontevedra nunha concentración de repulsa ao asasinato dunha muller na cidade de Vigo este domingo nun novo caso de violencia machista.
A Presidenta da Deputación, Carmela Silva, asegurou que este novo caso de violencia machista na provincia pon de manifesto a necesidade dun plan integral de protección da muller e contra o maltrato. A Presidenta volveu a instar á Xunta de Galicia e o goberno do Estado a impulsar, con todos os medios posibles, políticas que acaben con esta lacra e que este ano custoulle a vida a 28 mulleres.
Silva subliñou que agora é necesario impulsar un gran pacto político, institucional e social que devolva a prioridade que tivo noutros momentos a loita contra violencia machista e reclamou do presidente do goberno, Mariano Rajoy, que pase das palabras aos feitos "aumentando as partidas adicadas a prevención da violencia de xénero nos orzamentos xerais do Estado".
CRIMEN MACHISTA
Segundo informou a Delegación do Goberno en Galicia, unha muller de 46 anos, natural de Brasil, faleceu pasadas as 20:00 horas da tarde do domingo nunha vivenda de Vigo. Á espera dos resultados da autopsia, os indicios apuntan a unha morte violenta como consecuencia dun ou máis golpes.
A parella da muller falecida, un home de 31 anos e nacionalidade española, compareceu en torno ás 22:00 horas na comisaría de Vigo.
Funcionarios adscritos a esta procederon á comprobación dos feitos acudindo á vivenda situada na rúa López de Neira. Alí puideron verificar a presenza do corpo da muller, cuxo óbito foi confirmado polas dotacións sanitarias.
Trátase da terceira vítima mortal que hai que lamentar en Galicia por violencia machista no que vai de ano, non constando que esta vítima tivese presentado denuncias previas contra esta parella.
Relacionadas:
-
"Querémonos vivas"
Por Redacción |