Ferido un condutor co carné retirado ao chocar bébedo contra un farol en Vilanova
Por Oskar Viéitez
Un condutor veciño de Vilanova de Arousa, que responde ás iniciais P.F.R., de 26 anos de idade, resultou ferido leve tras chocar contra un farol co coche que conducía estando bébedo.
Sucedeu na noite deste luns, día 6, na estrada PO-549, lugar da Cerca, termo municipal de Vilanova. O sinistro consistiu nunha saída de vía dun Renault Megane, ao invadir totalmente o carril de circulación do sentido contrario saíndose pola marxe esquerda chocando co bordo da beirarrúa con derrubamento dun farol da iluminación pública e un poste do tendido telefónico.
Segundo informaron fontes oficiais da Garda Civil no accidente resultou ferido leve o condutor e único ocupante que foi evacuado ao Hospital do Salnés.
Por compoñentes do Equipo de Atestados do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra foi sometido ás probas de alcoholemia que deron resultado positivo, botando na primeira proba 0'75 mg/l e a segunda 0'72.
Ademais deste delito impútaselle tamén outro de condución dun vehículo coa autorización sen vixencia pola perda de puntos e outro máis por condución temeraria.
Por todo iso procedeuse á imputación polos delitos salientados e á instrución das correspondentes dilixencias que serán entregadas no Xulgado de Instrución número dous dos de Vilgarcía de Arousa, onde terá que presentarse o imputado.