Avanzan as obras de mellora da fachada e da cuberta do CEIP da Lama
Por Redacción
O CEIP da Lama estreará moi pronto un novo aspecto. A Xunta de Galicia, en colaboración co goberno municipal, está a piques de rematar as obras de execución de mellora da fachada e da cuberta do centro, nas que se está a investir algo máis de 65.000 euros.
A obra permitiu atallar os problemas de filtracións de auga que estaba a sufrir o edificio a causa do paso do tempo e da climatoloxía.
Segundo o informe técnico, as filtracións son especialmente notables no interior a causa de que os canos non teñen as dimensións axeitadas ás trombas fortes de auga, provocando non só problemas á comunidade educativa senón tamén menoscabando a durabilidade da caldeira de calefacción. Tamén foi necesario arranxar os paramentos verticais selados con telas asfálticas e que presentaban desprendementos e fisuras.
A solución foi instalar caños de chapa de aceiro galvanizado así como unha cuberta de panel sándwich, forrándose tamén os paramentos verticais da fachada suroeste. "Deste xeito, mellorouse o peche e a cuberta dun patio de 150 metros cadrados e do ximnasio que ten unha dimensión similar", explicou o delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, na visita que fixo este luns a estes traballos.
Ademais destas obras, a Xefatura Territorial de Cultura e Educación leva acometidas nos últimos anos outras melloras no centro como o pulido da terraza, varias reparacións anteriores da cuberta e a reposición da tarima por un montante que rolda los 100.000 euros.