Os cazadores galegos xúntanse en Portas para buscar alternativas aos perdigóns de chumbo
Por Redacción
A asociación de Clubs e Cazadores de Caza Maior e a Mesa galega pola caza organizan un acto de presentación do perdigón libre de chumbo que se desenvolverá o sábado 12 de setembro a partir das 10.00 horas no auditorio da Azucreira do municipio de Portas.
Dende este colectivo quérese presentar o produto alternativo ao perdigón de chumbo, unha vez que se admitiu a trámite no parlamento galego a prohibición de utilizar os habituais perdigóns de chumbo na Lei de Caza, despois de que o goberno español votase a favor da prohibición do uso de chumbo na convención de Quito en 2014.
Segundo a asociación, esta nova munición ecolóxica xa foi testada polo banco oficial de probas e xunto a outros produtos similares intentarase conseguir unha moratoria de varios anos antes da prohibición do chumbo ata que as diversas marcas de escopetas se adapten a estes cartuchos.
Os cazadores queren reclamar un período que permita ao mercado surtirse de cartuchería destes novos perdigóns que permitan a conservación lexítima e o uso destas armas por parte dos máis de 50.000 afeccionados á caza rexistrados en Galicia.