Atrae o modelo de cidade aos turistas?
Por Redacción
O modelo de cidade reiteradamente premiado nos últimos anos pode servir como reclamo turístico para atraer a Pontevedra máis visitantes. Esta é a premisa coa que traballaba o equipo da Concellería de Promoción Económica e Turismo dende a súa chegada despois das eleccións municipais de maio e, logo de coñecer os datos de turismo relativos a este verán, veñen de confirmar que era acertada. "Os datos confírmano", sinala a concelleira do ramo, Anabel Gulías.
A concelleira deu conta dos datos de actividade turística da tempada estival este martes nunha comparecencia pública na que sinalou que o modelo de cidade é "moi importante" e unha faceta a explotar. Para poder cofirmalo, na enquisa que realizan aos visitantes que van ás casetas de turismo incluíron este ano un novo item: se o modelo de cidade é unha razón para escoller o destino turístico. Segundo eses cuestionarios, foi a razón principal para chegar a Pontevedra para 2.000 persoas, 1.135 en xullo e 800 en agosto.
A páxina web de Visit Pontevedra tamén publicou este verán por primeira vez, os premios que recibiu Pontevedra. É parte da estratexia que seguirá o Concello no futuro próximo, no que apostarán polo modelo urbano como reclamo turístico e por Pontevedra como cidade acolledora de eventos deportivos, culturais ou de festas, pois "Pontevedra é máis que o casco histórico", a pesar de que as guías turísticas actuais é o único aspecto que destacan.
Gulías indicou que teñen detectado un aumento sostido no tempo do número de visitantes que chegan á cidade. Os datos recollidos nos puntos municipais de información turística e no sector da hotelería e hostalería da cidade avalan a boa tempada turística de Pontevedra na que se constatou un incremento significativo do turismo internacional, de ata preto do 20% (un 18,35%) no mes de xuño e dun 7,23% en xullo. Segundo os datos dos hostaleiros, a cidade tivo unha ocupación hotelería con índices idénticos aos dos anos 2008-2010, e similares aos rexistrados antes do inicio da crise, maila ter unha maior oferta de prazas e contar con novos albergues e establecementos.
Os hoteleiros pontevedreses cifran nun 71% a ocupación media nos seus establecementos no mes de xullo, nun 85,6% a do mes de agosto e con datas puntuais nas que se rozaron o 100%, tales como a Feira Franca.
Os puntos de información turística municipal na Casa da Luz, a Praza de España e Vialia recibiron durante o verán 43.737 turistas. Para conseguir que sigan a crecer e Pontevedra sexa máis coñecida, Anabel Gulías xa está a traballar na campaña de promoción para 2016 e este mércores terá unha reunión cos hoteleiros e hostaleiros para avaliar con eles a tempada rematada e pulsar a opinión do sector sobre novos proxectos.
Relacionadas:
-
Turismo promocionará Pontevedra a través de clubs deportivos que xoguen fóra de Galicia
Por Alejandro Espiño |
-
Medra o número de turistas estranxeiros na cidade
Por Redacción |
-
Pontevedra explica o seu modelo urbano en Xixón e Zaragoza
Por Redacción |
-
Satisfacción en Pontevedra ante os "excelentes" datos turísticos da Semana Santa
Por Alejandro Espiño |
-
Incremento dun 22% na afluencia de turistas á rede de información municipal durante 2014
Por Redacción |
-
O turismo 'tocou chan' en xaneiro e febreiro, coas "peores cifras" da súa historia
Por Redacción |