Bueu abre o proceso para contratar monitores deportivos e persoal de limpeza
Por Redacción
A partir deste venres ábrese o prazo de presentación de instancias para optar ao proceso de contratación de persoal de servizo de limpeza viaria, ademais doutro proceso para contratar tres monitores deportivos para o Concello de Bueu.
O prazo de presentación das instancias, que se poderán descargar na web do Concello de Bueu ou no rexistro, é de cinco días hábiles para os monitores deportivos e de dez para o persoal de limpeza a contar a partir deste venres 11, despois de publicarse este xoves no Boletín oficial da provincia.
O proceso de selección para o persoal de limpeza consistirá nun cuestionario de vinte preguntas tipo test sobre o temario centrándose en limpeza urbana e outros espazos, produtos de limpeza e seguridade e saúde no traballo.
En canto aos monitores deportivos, o contrato será de nove meses que se desenvolverá entre o 1 de outubro ata o 30 de xuño. Requírese estar en posesión do Título de Técnico Superior en Animación de actividades físicas e deportivas, entre outros requisitos. Os seleccionados impartirán as clases de ximnasia para maiores, de mantemento, para persoas con mobilidade reducida, metroximnasia, prenatal, pilates e ximnasia para persoas con minusvalidez intelectual.
Celebrarase un único exercicio obrigatorio e eliminatorio cun exame tipo test sobre aspectos relacionados coa organización do deporte municipal e dun evento deportivo, aspectos fisiolóxicos da actividade deportiva, criterios de prevención de lesións...
Os seleccionados serán sometidos a 15 días de probas e as bases pódense consultar na web do Concello de Bueu.