Condenados a restituir máis de 27.000 euros por facer de "mulas" dunha rede estafadora de Ucraína
Por Redacción
Tres cidadáns de Granada, Almería e Madrid, acusados de estafa, terán que facer fronte a unha devolución de máis de 27.000 euros ao BBVA por exercer como intermediarios, "muleros", dunha rede dedicada á obtención de claves da banca online para sacar diñeiro dunha axencia de viaxes de Pontevedra por esa cantidade durante tres días no ano 2009.
Houbo conformidade no xuízo previsto para a mañá deste martes 15 na Audiencia Provincial, ao que asistiu só una das acusadas, mentres outra interveu a través de conferencia e a terceira, ausente, terá que aceptar o acordo logrado polos avogados da defensa coa Fiscalía de 9, 11 e 3 meses de prisión coa devolución á entidade bancaria de 13.000, 12.000 e 2.500 euros respectivamente.
Segundo a Defensa, os acusados aceptaron os cargos por un delito de estafa ao entender a Fiscalía que eles eran coñecedores de que participaban nun acto ilegal. Estas tres persoas atenderan unha oferta de emprego na que se lles indicaba que tiñan que retirar o diñeiro da conta da axencia de viaxes a través das instrucións que recibían dos ciberdelincuentes para ingresala noutras a nome de persoas de nacionalidade ucraína. Entre outras indicacións obrigábanlles a dicir, se eran preguntados, que o ingreso era para un amigo ou para un familiar que se atopaba en Ucraína.
Os ciberdelincuentes realizaron esta operación pirateando una IP dunha persoa do País Vasco a través da que ordenaron as transferencias. Con todo, as investigacións non lograron chegar aos membros da rede encargada deste tipo de estafas xa que, segundo os avogados da Defensa, non é fácil seguir ese diñeiro e precísase a intervención da policía internacional.