Representantes da Escola de gaitas queren reunirse con Carmela Silva e con Fernández Lores
Por Oskar Viéitez
Algúns afectados pola decisión da Deputación de non seguir financiando á Escola de Gaitas Provincial, empezaron a moverse.
Na reunión mantida este luns cos alumnos e pais da Escola de Pontevedra, aloxada nas instalacións do Príncipe Felipe, elixiuse unha comisión composta por representantes dos alumnos, pais e profesores, para tratar de buscar unha saída á súa situación actual que afecta a máis de medio milleiro de alumnos en toda a provincia, dos que 150 son da cidade de Pontevedra.
Unha das súas primeiras medidas foi solicitar unha reunión coa presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o deputado de Cultura, Xosé Leal, "para buscar xuntos unha solución".
Paralelamente solicitaron outro encontro co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, co mesmo propósito.
A Escola de Gaitas está a buscar fórmulas ben para manter a actividade docente ou ben para devolver aos alumnos o importe da matrícula, de 25 euros por alumno, despois de que o goberno provincial decidise non renovar o convenio que viña subscribindo coa Escola de Gaitas Provincial para financiar a súa actividade docente con 140.000 euros anuais.
PARABÉNS
Namentres, a Asociación de Gaiteiros Galegos felicitou ao goberno bipartito da Deputación por deixar de entregar "un diñeiro que o anterior goberno da Deputación concedeu arbitraria e unilateralmente, e en contra da opinión da totalidade das asociacións e colectivos que traballan a favor da música e baile tradicional galego, na provincia de Pontevedra".
Dita subvención "non revertía, en absoluto, no mantemento e difusión da nosa cultura, senón que servía unicamente para manter un modelo de formación musical que nada ten que ver co noso país", asegura a Asociación de Gaiteiros Galegos.
Relacionadas:
-
A Deputación "non pecha as Escolas da Banda de Gaitas"
Por Redacción |
-
Alumnos da Escola de Gaitas reclaman a Carmela Silva a continuidade do centro
Por Alejandro Espiño |
-
O PP solicita que manteñan a Escola de Gaitas da Deputación
Por Redacción |
-
A Deputación deixa de financiar a Escola de Gaitas
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz | Creada e actualizada